Sunday 28 de April de 2024

Máis de 45.000 persoas seguiron os Encontros coa Arte 2020 a través das Redes Sociais, no que participaron un total de 22 artistas


Artistas participantes nas anteriores edicións celebradas compartiron vídeos e imaxes dos seus cadros a través da fan page do Concello de Brión en Facebook

Un total de 45.112 persoas participaron na edición número quince dos Encontros coa Arte de Brión, a primeira celebrada unicamente en Redes Sociais xa que as xornadas presenciais tiveron que ser canceladas debido ás medidas de prevención tomadas para previr a expansión da Covid-19. Un encontro virtual de máis dun mes no que participaron 22 artistas de Galicia e España, e mesmo de países coma Venezuela, que achegaron imaxes e vídeos das súas creacións de pintura, escultura e fotografía.
As 26 publicacións realizadas a través da fan page do Concello de Brión en Facebook chegaron a 45.112 persoas. A publicación máis seguida foi a da acuarela “As Torres de Altamira”, do pintor José Antonio Regidor, con 2.855 seguidores. Se a iso lle sumamos os 2.313 seguidores do vídeo de explicación da obra, temos que esta creación pictórica captou a atención de máis de 5.000 persoas. Un escultor, Tino Canicoba, e o pintor Manuel Ayaso, completaron o podio de entradas con máis seguidores, ambos por riba dos 2.300.
Así, estes XV Encontros coa Arte de Brión contaron coa participación de José Galarzo San Sebastián, Chelo Rodríguez Domínguez, Laureano Vidal, Antón Sobral Iglesias, Xosé Vázquez Castro, Rafael Arroyo, Jaime Galdeano Moreno, José Ysmér, Camilo Rodríguez Vidal, Frutos Casado de Lucas, Manuel Ayaso, Paco Casal, Xosé Vizoso, Tino Canicoba, María Xesús Díaz, Javier del Valle Schaan, Beatriz Ansede Bonome, José Luís Veiras Manteiga, Ricardo del Arce Bilbao, Yolanda Carbajales Ferreiro, Enrique Ochotorena, José Galarzo e José Antonio Regidor.
A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, agradeceulles a todos eles e elas “a vosa vosa implicación e compromiso co proxecto, que permitiu que o Encontro coa Arte 2020 non faltase á súa cita, mantendo vivos un ano máis tanto o espírito das xornadas como a ligazón existente entre artistas e cidadanía a través das redes sociais. Un formato que serve para lembrarnos que a cultura segue adiante a pesar de todo e que desde o Departamento de Cultura municipal apostamos por manter estas xornadas que, en 2021, esperamos celebrar de novo en diferentes lugares do noso municipio”.
Dende hai 14 anos, o Departamento de Cultura do Concello de Brión organiza os Encontros coa Arte, unha actividade que se ten convertido nun gran referente da arte en Galicia. Uns encontros onde pintores, fotógrafos, escultores, músicos e poetas, procedentes de distintos puntos do Estado, participan nunhas xornadas de creación e convivencia artística.